Os xogadores do R.C Celta comezaron esta mañá a someterse ás habituais probas de recoñecemento médico de pretemporada no Hospital Vithas Fátima, provedor de servizos sanitarios do Celta desde os anos 70. Aos futbolistas celestes realizaránselle análises e exames físicos no complexo hospitalario supervisados polos doutores Juan José García Cota, xefe dos servizos médicos do Celta, Germán González Pazó, director médico do centro sanitario e o cardiólogo Francisco Calvo Iglesias, tamén do Hospital Vithas Fátima.
Unha analítica completa de sangue e ouriños, cardiograma con tecnoloxía ECO 3D e ergonometría (proba de esforzo) son as probas que se realizarán durante estes días a cada un dos xogadores para asegurar o seu perfecto estado de saúde. Esta mañá sometéronse aos exames médicos no Hospital Vithas Fátima os xogadores Sergio, José Naranjo, Hugo Mallo, Fontàs, Radoja, Bongonda e Iago Aspas.
Mañá acudirán Beauvue, Drazic, Wass, Jonny, Sergi Gómez, Planas e Cabral e o xoves concluirán as probas coa presenza dos futbolistas Señé, Rubén, Iván Villar, David Costas, Gustavo Ledes, Borja Iglesias, Brais Méndez, Pape Cheikh, Borja Fernández, Diego Alende e Ángel Fraga.