A unión entre afección e equipo será fundamental. Este domingo ante o Granada, xuntos conseguirémolo.
Domingo 12 de xuño de 2011. O Real Club Celta aterra en Peinador tras sufrir un duro revés o día anterior en Granada: a eliminación dos play-offs de ascenso. O equipo, co ánimo polos chans, nin imaxina o que lle agarda na terminal do aeroporto vigués.
Sobrepóndose á dor e a amargura, unha lexión de incondicionais celtistas recibiu a xogadores, corpo técnico e empregados do club entre cánticos, aplausos, abrazos e mostras de agarimo. É imposible lembrar este transcendental momento sen emocionarse. Aquel día naceu entre club e afección un forte vínculo que nin os máis veteranos lembraban, unha unión que a seguinte tempada sería fundamental para alcanzar o ansiado soño do ascenso.
Domingo 24 de febreiro de 2013. Xornada 25 de Primeira División. A situación na que chega o equipo celeste a este compromiso ligueiro está lonxe de ser a idónea. O club volve vivir un momento de máxima importancia o día en que se enfronta a un vello coñecido: o Granada CF.
É o momento de invocar o espírito daquel día de xuño en Peinador. Equipo e afección deben xuntarse nun único alento, unha única forza que empuxe a todo o celtismo cara á vitoria. O obxectivo é claro: o tres puntos non poden escapar de Balaídos.
Como vén sendo habitual esta tempada, o speaker do estadio solicitará a axuda da bancada para corear a aliñación do conxunto céltico. Máis tarde, coincidindo coa saída dos xogadores ao terreo de xogo, os afeccionados cantarán o himno ‘a capella’ coas súas bufandas celestes alzadas. Coa axuda e o fiel apoio da afección o ambiente que presente Balaídos debe ser espectacular, tal e como ocorreu en numerosas ocasións. Se ante a Granada repítese a calor e a paixón vividas esta campaña en partidos como ante o Deportivo de La Coruña ou Real Madrid, o Celta de Vigo estará moito máis preto do triunfo mesmo antes de soar o asubío inicial.
A travesía cara á permanencia non será fácil, pero cando a familia celtista está e sente unida ningún obxectivo é imposible. Xuntos conseguirémolo.