Como vén sendo habitual cada ano, a Fundación Celta organiza o seu concurso de postais do Nadal cuxa temática é o Real Club Celta de Vigo. Neste concurso poderán participar todos os nenos que desexen con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos e poderán realizar unha postal que debe ser en tamaño A4 empregando calquera tipo de procedemento pictórico (óleo, acuarela, lapis, ceras, agás colaxe).
A recepción dos traballos será no servizo de atención ao cliente de El Corte Inglés de Vigo a partir do 11 de novembro e finalizará o 14 de decembro.
O concurso dividirase en tres categorías (A: de 5 a 7 anos, B: de 8 a 11 anos e C: de 12 a 14) e os premios consistirán nun trofeo e un cheque regalo para o gañador de cada categoría. Ademais haberá 3 premios para os colexios con maior participación, e un premio especial para a postal máis orixinal que se converterá na postal oficial de Nadal do Real Club Celta. O gañador absoluto do concurso de postais será invitado, xunto cos seus pais a un partido do Real Club Celta da presente tempada de liga. Repartiranse tamén regalos da Fundación Celta.
A entrega de premios realizarase o 22 de decembro antes do inicio do partido Celta – Osasuna.