Ante o informe sobre o estado do céspede de Balaídos realizado pola empresa concesionaria do seu mantemento, Althenia, e divulgado nas últimas horas polo Concello de Vigo, o Real Club Celta quere manifestar que só a falta de experiencia e o máis profundo descoñecemento poden levar a esta empresa a afirmar que o estado do terreo de xogo é aceptable, cando resulta máis que evidente que se atopa nunhas condicións pésimas e indignas dun equipo de Primeira División que durante moitos anos puido presumir de xogar nun dos mellores terreos de xogo do país.
O club quere ademais expresar o seu total apoio ao adestrador Eduardo Berizzo, quen denunciou o pasado sábado despois do partido o deplorable estado do céspede, e lembrar que o primeiro equipo celeste evita adestrarse en Balaídos e centra toda a súa actividade nas instalacións deportivas da Madroa sen pisar máis que en moi contadas ocasións o estadio celeste para evitar unha deterioración aínda maior do terreo de xogo.
O Real Club Celta lamenta a penosa imaxe que por este motivo ofreceron tanto o club como a cidade de Vigo nun partido seguido por máis de 50 millóns de espectadores de todo o mundo.
Achégase un comunicado da Liga de Fútbol Profesional sobre este asunto.