Entre as novidades destaca a ampliación do carnet ‘Sub-24’ a ‘Sub-25’
OFICINA DE ABONADOS (BALAÍDOS) 986.21.32.30 – 986.21.32.34
MES DE XUÑO ATA O 11 DE XULLO DE 9 A 14 E DE 17 A 20H. RESTO DE XULLO E AGOSTO DE 10 A 15H
Tras unha tempada espléndida, tanto no aspecto deportivo como económico e social, o Real Club Celta pon en marcha a campaña de abonados da campaña 2014/2015 co claro obxectivo de mellorar o xa fantástico apoio ao equipo en Balaídos. Entre as novidades destacan a creación do carné ‘Sub-25’ en lugar do ‘Sub-24’, vixente a pasada tempada, e un desconto do 5% para as renovacións tramitadas antes do 11 de xullo, rebaixa acumulable ás vantaxes ‘Familiares’ ou ‘Accionistas’ até un máximo aplicable do 15%.
Desde o luns 2 de xuño poderanse tramitar tanto renovacións como altas nas oficinas de abonados, situadas no estadio de Balaídos. Estas xestións tamén poderán realizarse a distancia, as 24 horas do día e dunha forma rápida e sinxela, a través da oficina de abonados virtual: http://www.celtavigo.org/abonosCelta
Outro dos puntos novos desta nova campaña, tamén dirixido aos afeccionados novos, é a inclusión da categoría ‘Sub-25’ na bancada de Tribuna, onde até agora só existían prezos de ‘Adulto’, ‘Sub-15’ e ‘+65’. Ademais, e como vén sendo habitual nas últimas tempadas, o club premiará aos abonados e afeccionados que tramiten o seu carné con prontitude. Os celtistas que renoven ou se dean de alta antes do día 11 de xullo non pagarán suplemento nos partidos designados como ‘Día do Club’.
Os abonados do RC Celta continuarán gozando de numerosas vantaxes co seu carné, como o acceso gratuíto ao campo de Barreiro para seguir o partidos do filial, o desconto na tenda oficial do club e en patrocinadores oficiais ou a participación en atractivos sorteos ao longo de toda a tempada.
Dentro do recoñecemento do club cara aos abonados e afeccionados, o carné da tempada 2014/2015 incluirá unha imaxe coa que o RC Celta desexa homenaxear ao celtismo polo seu apoio incondicional, aspecto crave na consecución dos obxectivos do equipo durante os últimos anos. O carné baby tamén traerá novidades estéticas, cunha colorida ilustración realizada por Pablo Rosendo, ilustrador celtista e colaborador do RC Celta.
Non faltarán as facilidades no pago. Os abonados disporán de diferentes opcións para abonar o custo do carné da maneira que mellor lles conveña, como co Cartón Comercio e Visa Novagalicia Banco (até 3 meses sen intereses) ou con Credicelta (até 12 meses cunha pequena recarga).
A campaña inclúe os habituais descontos a accionistas e familias. Os abonados cos carnés domiciliados recibirán o cargo a partir do día 25 de xuño. A cota de alta será similar á da tempada pasada: 85 euros para a categoría adulto e 45 euros para o resto.