Boa imaxe do Celta, que gozou de ocasións e acabou sucumbindo á pegada do R.Madrid (3-0)
Un bo Celta, ben plantado, ambicioso e atrevido caeu no Bernabéu ante un Real Madrid moito máis efectivo, pero que non foi superior aos celestes. Os vigueses, cun bo xogo, tiveron boas ocasións para adiantarse no marcador, para empatar e para recortar, pero non acertaron e acabaron cun esaxerado tres cero en contra que non reflectiu o desempeño dos dous equipos sobre o campo.
Bonito arranque do partido no Santiago Bernabéu, cun Celta ordeado e tranquilo que saía á contra con velocidade e criterio. Así puido chegar o primeiro gol do encontro. Gran pase en profundidade a Charles, quen encarou só a Diego López, pero a meta logrou desviar o remate do dianteiro, co coiro golpeando o lateral da rede, moi preto do pau. Ían cinco minutos e o Celta tivera unha oportunidade enorme.
Os celestes combinaban ben e atacaban con decisión cando recuperaban o coiro, o que lles permitiu fabricar boas chegadas e xerar inquietude na zaga madridista. Aos 15 minutos, Rafinha probou nunha falta lateral, pero o seu remate saíu lixeiramente desviado.
Pasados o primeiros vinte minutos, o Real Madrid apertaba, curiosamente con algúns contragolpes e xogadas a balón parado, aínda que sen obrigar en absoluto a Yoel. Ademais, o Celta non lle perdía a cara en ningún momento ao choque e seguía chegando con certa claridade. Aos 31 minutos, córner desde a esquerda e nova ocasión desperdiciada polos celestes cun cabezazo forzado de Oubiña moi preto da liña de gol.
Pouco despois. Gran xogada de Rafinha e remate que rebota nun defensa e o coiro non entra de maneira incrible. A primeira metade chegou ao seu final cun Celta excelente que dispuxera de máis e mellores ocasións que os locais, insistentes, pero incapaces de superar a un conxunto celeste moi ordenado tras e veloz e atrevido arriba.
Tras a continuación, maior dominio do Madrid, pero de novo sen chegar a facer dano ante un Celta que mantiña a solidez defensiva e seguía tentando saír con rapidez á contra. E crecendo co paso dos minutos. Aos 19 minutos, gran contra, bo pase de Rafinha a Charles, quen pica ante a saída de Diego López, pero sen fortuna.
Tívoa o Madrid na xogada seguinte. 21 minutos, centro e remate estraño, con rebote incluído, de Benzema á rede. Mala sorte para os vigueses que nesa fase do xogo estaban a superar de novo aos brancos.
A punto estivo de empatar Nolito nun lanzamento de falta pouco despois, o seu disparo saíu preto da escuadra de Diego López.
O Celta foise arriba, con máis posesión, ante un Madrid máis conservador que xa apostaba pola contra para sentenciar o choque. Aos 35 minutos, nova chegada celeste con remate de Rafinha tapado por un defensor.
O Madrid volveu acertar na seguinte. Contragolpe, centro desde a dereita e remate de Cristián na área pequena. Excesivo castigo para os vigueses, que ademais volveron encaixar no desconto.
FICHA TÉCNICA
3-Real Madrid: Diego López, Pepe, Ramos, Marcelo, Carvajal, Xabi Alonso (Illarramendi, min.46), Modric, Di María (Bale, min.64), Isco (Jesé, min.61), Ronaldo e Benzema
0-R.C.Celta: Yoel, Hugo Mallo, David Costas, Cabral, Jonny, Oubiña, Álex López (Krohn-Dehli, min.60), Augusto (Nolito, min.68), Rafinha, Orellana e Charles (Santi Mina, min.76)
Goles: 1-0. Min.65: Benzema; 2-0, min.82: Cristiano Ronaldo; 3-0, min.47: Cristiano Ronaldo
Árbitro: Álvarez Izquierdo, do comité catalán. Amonestou a Álex López, Augusto
Campo: Santiago Bernabéu