O canteirán, que xa debutou coa Sub-19, foi convocado para este torneo internacional
O mozo Yelko Pino, xogador do Celta B, volve entrar nunha convocatoria internacional da Selección Española. O canteirán celeste foi convocado pola Sub-18 para participar do 4 ao 7 de febreiro na ‘Copa do Atlántico’, un torneo que na súa cuadraxésima edición contará cos combinados nacionais de Arxentina e Estados Unidos entre outros.
O centrocampista vigués, que xa debutou na categoría Sub-19, será este ano o representante do club olívico neste evento deportivo, como o foron o ano pasado Santi Mina ou o anterior Jony Castro, xogadores que xa forman parte do primeiro equipo.
A confianza dos seleccionadores nacionais cara á canteira celeste consolídase con cada unha das súas convocatorias, nas que xa é habitual a nutrida presenza de futbolistas formados na factoría da Madroa. A decidida aposta do Celta polo fútbol base, referendada por unha afección convencida e ilusionada por este proxecto, non deixa de acumular recoñecementos.