Non puido ser. O RC Celta B caeu este domingo ante o Bilbao Athletic (2-1) no primeiro partido do playoff de ascenso a Segunda División e queda sen opcións de subir.
Comezou o partido con dominio do filial celeste, que impuxo o seu fútbol desde o inicio e froito do xogo chegaron as dúas primeiras ocasións nos pés de Soni e sobre todo de Solís, que obrigou ao porteiro vasco a realizar unha gran parada cando apenas ía un cuarto de hora.
A partir desa chegada igualáronse as forzas e ambos os equipos se replegaron un pouco para saír á contra. Primeiro o filial vasco e logo o equipo vigués puideron porse por diante pero as súas chegadas non terminaron en gol.
Na segunda metade complicáronse as cousas cun discutido cartón vermello a Markel Lozano ao entender o árbitro que era o último home cando cometeu falta sobre un xogador vasco.
Con media hora por diante o encontro fíxoselle longo aos xogadores de Onésimo, que encaixaron dous goles case consecutivos. Con todo, o filial tirou de orgullo e acumulou media ducia de ocasións claras e mesmo reduciu distancias por medio de Losada.
Ao final o filial non puido igualar o partido e puxo punto e final a unha tempada sobresaliente na que conseguiron ascender a Primeira División RFEF.
RC Celta B: Álvaro Fernández, Carreira, Markel Lozano, Lucas Cunha, Pampín, Barrí, Holgrove, Santi Prado, Manu Justo, Solís, Kevin Soni. Tamén xogaron Alfon, Losada, Lautaro, Gabri