Goldar estrelou un penalti no longueiro no tramo final. O Avilés impuxo o seu oficio (1-3)
O Celta B caeu en Barreiro ante un rival moi ordeado, intenso e cunha proposta clara: balón longo e segunda xogada. O filial empatou cun tanto de Borja Iglesias desde os once metros no arranque da segunda metade, pero pouco despois encaixou tras un pelotazo do rival. O infortunio do B quedou reflectido no lanzamento ao traveseiro dun novo penalti, de Goldar, no tramo final.
Boa posta en acción do filial celeste en Barreiro ante un equipo en boa dinámica e con gran experiencia e oficio. Aos dous minutos, primeira chegada celeste. Boa xogada de Fernán, apertura a banda e remate de Aitor que despexa cos pés David.
O encontro foi gañando en intensidade con ambos os equipos ofrecendo unha gran desputa e compartindo ambición, aínda que cada un co seu estilo: combinación ante xogo directo.
A firmeza na presión e a concentración defensiva evitaron a abundancia de oportunidades, pois as xogadas morrían preto das áreas sen maior transcendencia.
Fernán puido marcar aos 36 minutos tras unha boa recuperación de Borja Fernández e un pase espectacular de Yelko, pero a meta rival logrou desviar o seu lanzamento de socato. No córner posterior, Javi Rey cabeceou moi preto do pau. Foron dúas boas ocasións para o Celta B, que propuña moito máis que un Avilés ordenado, contundente e entregado ao balón longo e a segunda xogada.
David volveu despexar con apuros aos 38 minutos un lanzamento de Fernán… e despois balón longo, remate, rebote e gol de Álex Arias. Gran infortunio para o filial, castigo inxusto para o equipo que xogaba a fútbol e máis chegada tivera.
Tras a continuación, o Celta B mantivo o empuxe, xa coa presión do marcador en contra, e buscou o empate con fe sen renunciar ao seu estilo. En fronte, un rival serio, duro e intenso. Aos 10 minutos, derriba na área do Avilés a Borja Iglesias e penalti. O ariete lanzou desde o once metros para empatar o choque.
O partido aínda gañou en intensidade tras o tanto de Borja Iglesias. O Avilés aumentou o ritmo, apoiado nun gran físico, e o B tratou de responder as súas armas, algo angustiado pola presión do rival.
Aos 20 minutos: balón longo, prolongación e man a man de Ito ante Rubén para desfacer o empate. Un saque do porteiro foi suficiente para castigar de novo ao filial.
O Celta B foise con todo arriba para tratar de desfacer a inxustiza, pero asumindo uns grandes riscos. Empuxou con convicción e forzou un novo penalti, a Goldar. O lanzamento do propio defensor estrelouse no traveseiro nunha xogada na que Mikel Méndez viu a segunda amarela. Novo pau para os célticos, que o tentaron até o final sen éxito e cun desconto irriisorio no que ademais marcou Pascual de falta directa.
FICHA TÉCNICA
1-Celta B: Rubén. Soto, Pablo Crespo (Thaylor, min.66), Goldar, Maceira, Javi Rey, Borja Domínguez (Antón, min.69), Yelko Pino, Fernán (Añón, min.63), Aitor e Borja Iglesias
3-Real Avilés: David, Nacho López, Gonzalo, Mikel Méndez, Alberto Cusi, Eugenio Geni, Álex Arias (Pascual, min.83), Borja Prieto, Omar Sanpedro (Camochu, min.88) e Jorge Ito (Matías, min.85)
Goles: 0-1, min.40: Álex Arias; 1-1, min.56: Borja Iglesias, de penalti; 1-2, min.65: Ito; 1-3, min.94: Pascual
Árbitro: Cid Camacho, do comité castelán-leonés. Expulsou con dobre amarelo a Mikel Méndez (min.80) e amonestou a Yelko, Javi Rey, Maceira, Soto, Rubén, Mikel, Nacho López
Campo: Barreiro, uns 1.000 espectadores. Antes do comezo do partido gardouse un minuto de silencio na memoria do ex seleccionador nacional Luis Aragonés, recentemente falecido.