Os celestes enfróntanse ao líder da categoría este sábado ás 16:15 horas en Barreiro
O Celta B recibe este sábado ao líder da categoría, o Racing de Santander, nun partido clave na loita pola permanencia. Os celestes afrontan a vixesimoséptima xornada da Segunda División B a dous puntos da salvación e tras sete xornadas afastados do triunfo.
Nun ano de grandes cambios para o filial, co ascenso de categoría e a incorporación dun grupo de canteiráns moi novo a un colectivo xa de seu prometedor, as vitorias resístense a chegar, a pesar da gran actitude e calidade demostrada por xogadores e corpo técnico.
O celtismo, concienciado e orgulloso do proxecto de fútbol base do club, ten a capacidade de sacar o mellor dos nosos equipos. É por iso que o club anima a todos os abonados e afeccionados a acudir este sábado a Barreiro para, a partir das 16:15 horas, alentar aos canteiráns e empuxarlles cara á vitoria.
Restan nove partidos por disputarse antes da finalización do campionato, catro deles no campo vigués. O apoio dos seguidores célticos, sumado á enorme capacidade de entrega do filial, será clave para poder gozar unha tempada máis do Celta B na categoría de bronce.
*Os abonados celestes poden acceder ao partidos do Celta B en Barreiro presentando o seu carné na entrada.