O dianteiro celeste foi chamado para suplir unha baixa de última hora
Novo paso do mozo Santi Mina no seu percorrido polas categorías inferiores da selección española. O dianteiro céltico foi convocado pola Sub-19 para suplir a baixa de Raúl de Tomás, xogador do Real Madrid CF.
Esta convocatoria únese á dos tamén celestes Rubén Blanco e Jonny Castro, que participarán no amigable Sub-19 entre Alemaña e España que se disputará o 18 de marzo en Dusseldorf.
O Real Club Celta de Vigo convértese desta forma nun dos clubs que máis futbolistas achegan a este combinado nacional, xunto co Atlético de Madrid e o Real Madrid. Un recoñecemento máis para o importante traballo de canteira que está a desenvolver a entidade céltica.