O RC Celta continúa afianzando as filas do seu filial apostando polos xogadores da casa. Os canteiráns, exemplo de destreza, mocidade e talento, enfróntanse esta vindeira tempada a novos retos e obxectivos. Entre eles atópase Raúl Blanco Juncal (Moaña, 2001) que renova co club ata 2027.
Sobre a súa renovación o de Moaña asegura que é “un privilexio, tanto para min como para a miña familia”. Pois para Raúl “o Celta é a miña casa dende que cheguei en 2009”. Procedente do EFB Moañesa, entrou como benxamín no club que o vería crecer e converterse no xogador que é hoxe en día: o máis veterano de toda a canteira e un dos piares sobre os que se constrúe o proxecto do Celta Fortuna.
A pasada tempada “foi algo incrible. Chegamos ao play-off e estivemos moi preto do ascenso”. Pero Raúl xa está coa cabeza nesta próxima etapa, a cal espera que sexa “moi ilusionante” e na que traballará xunto cos seus compañeiros por que o equipo termine “o máis arriba da táboa posible”.
Son moitas as metas e os soños que quédanlle a Raúl por cumprir no RC Celta; entre eles, “debutar e vestir a celeste co primeiro equipo. Para min sería todo un orgullo”.