Cun novo formato e novos relatores, o RC Celta e a Fundación Celta, no seu afán de progreso e mellora constante, organizaron a súa edición do Curso D. O. Celta máis especial con motivo do ano do centenario do Club.
Dirixido a todos os técnicos e profesionais das categorías inferiores do RC Celta ademais doutros departamentos da entidade e clubs convidos, en catro xornadas desde o mes de setembro, un total de once convidados de diferentes ámbitos e disciplinas, repartidos en seis charlas, pasaron polo Salón Regio de A Sede.
Despois dunha primeira sesión celebrada nas instalacións deportivas da Madroa e dirixida en exclusiva para os técnicos das categorías inferiores do Club, continuamos o curso con dous adestradores galegos de gran traxectoria e palmarés, Iván Cancela e Jonatan Giráldez. O actual presidente do Comité Galego de Adestradores e director da Escola Galega de Adestradores, ademais de seleccionador Galego de Afeccionados e que dirixiu con éxito á selección na Copa de las Regiones de la UEFA, explicou e desenvolveu as súas moitas funcións dentro da Federación Galega de Fútbol. Mentres, o técnico vigués do FC Barcelona feminino, considerado un dos mellores adestradores de Europa e nomeado ao prestixioso premio “The Best” da FIFA, compartiu a súa particular visión e idea sobre o modelo de xogo dun equipo de fútbol e a creación de diferentes escenarios de máxima esixencia.
Na terceira xornada, Paco de Miguel e José Alfonso Morcillo, con dilatadas carreiras na preparación física, compartiron con todos os asistentes as súas experiencias, vivencias e gran coñecemento. Desde os diferentes perfís de xogadores, a periodización e planificación de contidos, a análise de resultados e a organización interna dun corpo técnico, ata aspectos como a nutrición, a fisioloxía e a importancia relativa da recollida e cuantificación de datos, pasando polos principios básicos do adestramento integrado, a neurociencia e a relevancia das emocións e a toma de decisións. Fantásticas e interesantes relatorios de dous grandes profesionais e divulgadores.
A cuarta e última xornada da VIII edición do Curso D.O. Celta, celebrada o martes día 20 de febreiro, puxo o broche final á súa actividade con dúas charlas de diferente índole e formato.
A primeira delas, unha magnífica master class, foi impartida por Guillermo Alonso. Nacido en Buenos Aires hai 48 anos, pero afincado en Lalín, despois dunha frutífera carreira como xogador, comezou a súa traxectoria nos bancos no ano 2000, principalmente no rol de analista táctico. Desde a Escola de Fútbol Lalín ata recentemente na dirección deportiva do RC Celta, pasando polo Torpedo Armavir con Valery Karpin, FC Middlesbrough con Aitor Karanka, e Leeds United con Marcelo Bielsa, Jesse Marsh, Javier Gracia e Sam Allardyce. Ademais, compañeiro de Víctor Oltra no seu periplo británico, foi redactor e responsable de diferentes departamentos da revista dixital FÚTBOL-TÁCTICO.
A través das súas vivencias e experiencia no Leeds United, o técnico dezano comezou desenvolvendo a evolución dun departamento e analista táctico, os comezos e inicios, a súa organización e optimización de recursos, medios, modelos e ferramentas, así como diferentes dificultades e vicisitudes no seu funcionamento do día a día. A análise do equipo rival ou propio, de adestramento ou de partido, tanto antes como despois, de maneira xeral ou específica, con posibilidade de facelo de maneira individual, grupal ou colectivo, análise dirixida á dirección deportiva, de xogadores ou adestradores… Son exemplos da importancia e relevancia dun departamento de análise dun equipo de fútbol profesional, así como o cuantioso tempo de traballo empregado. Fantástica exposición de Willy Alonso, próxima e sincera, reforzada por un gran soporte visual, un privilexio para todos os asistentes o poder recibir tanta información.
Con motivo do centenario do RC Celta, na última charla do Curso, exxogadores celestes e un moderador único compartiron conversacións nunha mesa redonda moi especial. Antón Álvarez, conselleiro do RC Celta, dirixiu e levou a batuta de maneira excepcional xunto a seis xogadores de diferentes épocas da historia do Club. De finais dos 70, ademais de técnico vinculado ás categorías inferiores do RC Celta case aos seus 70 anos, Alejandro Lago; Da década dos 80 e sendo o quinto xogador con máis partidos oficiais xogados no RC Celta, Javier Matei; De inicios dos 90, subcampión de Copa do Rey no ano 1994 e actual segundo adestrador do xuvenil A de “A Canteira Celeste”, Luis Carlos Salvador; Das últimas tempadas dos 90, peza crave da época dourada do “EuroCelta” e Campión do Mundo coa selección de Brasil, Iomar do Nascimento “Mazinho”; Dos 2000 dous grandes canteiráns, actual membro do corpo técnico do primeiro equipo e capitán durante moitas tempadas Borja Oubiña, e desde a banda esquerda e con máis de 200 partidos en primeira e segunda división, Roberto Lago.
Catro bloques e temáticas diferentes, persoas relevantes máis acontecementos e diferentes anécdotas vividas polos nosos protagonistas no Club, a evolución do fútbol e os cambios producidos co paso do tempo, e por último, experiencias propias tanto como futbolistas profesionais como xogadores que proceden dunha canteira. Cariño, emoción, ilusión, paixón e un gran sentimento celeste. Non hai mellor maneira de pechar este Curso con este incrible equipo de seis celtistas dirixidos por un enorme adestrador, historia viva do RC Celta, os mellores exemplos do que significan as palabras afouteza, corazón, orgullo e tradición.
Marian Mouriño e Marco Garcés, presidenta e director deportivo do Club, non quixeron perderse esta última xornada. Ambos, antes dun pequeno convite onde todos os invitados e asistentes puideron compartir conversacións, clausuraron unha edición máis do Curso D.O. Celta.
Foron catro xornadas formativas intensas e de carácter multidisciplinar, que supuxeron unha fantástica aprendizaxe para todos os técnicos das categorías inferiores do RC Celta. Un éxito rotundo no seu desenvolvemento, interese e participación.
O RC Celta e a Fundación Celta agradece tanto a relatoras como a público asistente a súa presenza á VIII edición do Curos D.O. Celta.
Desde o comité organizador, preparados xa para a organización e celebración da IX edición do Curso D.O. Celta na tempada 2024/2025.