Espectacular e histórica tempada do filial celeste na Segunda División B. Os canteiráns celestes pecharon unha tempada inesquecible vencendo con solvencia no campo do Guijuelo por 1-3 con goles de Hicham e Borja Iglesias por partida dobre. O santiagués, pichichi do catro grupos con 32 dianas, convértese no segundo máximo goleador histórico da categoría.
Terceiro clasificado con 84 puntos, o Celta B xogará a promoción de ascenso a Segunda División pola ruta dos non campións, na que deberá superar tres eliminatorias para alcanzar a división de prata. Este luns 15 de maio ás 17:00 horas, o “Panda Team” coñecerá ao seu primeiro rival (Villanovense, Valencia Mestalla ou Fuenlabrada) no sorteo que se celebrará na Cidade de Las Rozas.