Partido intenso nun ambiente extraordinario no que o Celta B non puido pasar do empate ante un correoso Cartagena. Barreiro apoiou sen desmaio aos locais, que buscaron sen fortuna tomar vantaxe para o choque de volta. Os vigueses dominaron a segunda metade, pero foron freados por un Cartagena que apostou por deter o xogo para cortar o ritmo do cadro local. O vindeiro domingo, o desenlace desta segunda rolda da fase de ascenso a Segunda División.
O Celta B arrincou con paciencia ante un rival moi ordenado e protexido. Con esa virtude, logrou facerse co control do xogo. Aos 15 minutos, Juan Hernández cabeceou desviado un bo centro desde a dereita. Espléndida ocasión.
O Cartagena mellorou o seu rendemento en torno á media hora de xogo. Alargou as súas posesións para desconectar ao filial e xerou perigo en accións a balón parado. O partido igualouse, sempre con gran intensidade e vigor na disputa. O descanso chegou sen goles e con poucas ocasións.
Trala reanudación, Álex estivo a piques de marcar nunha contra cun remate que saíu pegado ao pau esquerdo de Torres. Foi un gran arranque do filial, con varias chegadas claras. O Celta B empuxou con decisión en busca de adquirir vantaxe ante un Cartagena superado que optou por ralentizar o xogo.
Moitas interrupcións, apenas continuidade e un Celta B que ía arriba con valentía e merecía a vantaxe. Non puido ser, todo aberto para o partido de volta, o vindeiro domingo, en Cartagena.
0-Celta B: Sotres, Kevin, Ros, Alende, Agus, Rai (Molina, min.88), Álex, Brais, Juan Hernández, Drazic e Dennis (Pastrana, min.84)
0-FC Cartagena: Pau Torres, Mejías, Moisés, Zabaco, Álvaro, Cordero, Chavero, Dani Abalo (Owusu, min.61), Hugo Rodríguez (Rubén Cruz, min.59), Rubial e Aketxe (Zalazar, min.81)
Árbitro: Sauleda Torrent, do comité catalán. Amonestou a Hugo Rodríguez, Zabaco, Jesús Álvarez, Chavero
Campo: Barreiro, 2.500 espectadores