Os futbolistas da escola “Fundación Celta Integra” gozaron dunha mañá de deporte e diversión con motivo da segunda xornada da liga galega de fútbol sala organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptado.
Este emocionante evento celebrouse nos pavillóns da Marisma e Bombonera en Redondela e contou coa participación de diversas asociacións da contorna que traballan intensamente pola integración de persoas con discapacidade como ASPANAEX, ASDAN, San Rafael e Aspavi entre outros. Os participantes gozaron dun gran ambiente compartindo sorrisos e momentos moi especiais da man dos seus adestradores e viviron con intensidade e emoción os encontros nos que participaron.
Unha experiencia única e enriquecedora que confirma unha vez máis a importancia da escola “Fundación Celta Integra”, un gran proxecto pola integración iniciado esta tempada pola entidade celeste que sen dúbida seguirá crecendo en próximas tempadas.