O centrocampista procedente do CD Lugo firma por dúas tempadas con opción a dúas máis
O Real Club Celta pechou a contratación do centrocampista Javi Rey (Poio – Pontevedra, 1991) para o filial celeste. O futbolista galego vincúlase co club vigués polas próximas dúas tempadas con opción a dúas máis.
Javi Rey chega ao Celta tras militar dúas tempadas no CD Lugo, a última delas en Segunda División A. Antes estivo nas filas do Pontevedra CF (2008-2009) e do Valencia Mestalla (2009-2011), filial do Valencia CF.
Os movementos do Celta B de cara á tempada 2013/2014, a do regreso a Segunda División B, tiveron ata o momento un marcado acento galego. Ás fichaxes de Javi Rey e do dianteiro santiagués Borja Iglesias, únense as renovacións de novos valores como Antón de Vicente, Maceira, Añón, Goldar, Pablo Pérez e Samu.