A Real Sociedad rentabilizou as súas escasas ocasións para batir aos celestes, moi superiores (2-3)
O Celta Xuvenil iniciou a súa participación na Copa do Rei cunha inxusta derrota ante a Real Sociedade na ida dos oitavos de final. O resultado final non reflicte o visto sobre no terreo de xogo, onde os celestes foron claramente superiores, sobre todo no primeiro tempo.
O conxunto vigués acaparou enseguida a posesión do esférico. Pola súa banda, a Real apostou por manterse acazapada á espera de danar á contra. Ao vinte minutos de xogo, Jordan materializou o dominio olívico cun gran gol, un tanto no que definiu con moita calidade tras asinar unha boa xogada persoal. Os donostiarras non reaccionaban, mentres o Celta continuaba manexando o balón con calma. Ao bordo do descanso chegou a segunda diana céltica, obra de Brais Méndez.
O segundo tempo arrincou con serias advertencias de Fede e Brais Méndez, que roldaron o gol para os da Madroa. No minuto 50 a Real aproveitou unha das súas primeiras chegadas para reducir distancias no electrónico. Bo disparo de Capela, que se coa ao fondo da rede. A fortuna aliouse co cadro vasco. No minuto 71 o colexiado sinalou unha pena máxima a favor da Real, que transformou Capela. Máxima rendibilidade realista ás súas escasas oportunidades de gol. Case sen tempo para reaccionar, os donostiarras asinaron a remontada, de novo cunha diana de Capela.
Os celestes buscaron o gol con afán até o minuto final. Co tempo regulamentario cumprido, os olívicos reclamaron un posible penalti. Engonga foi expulsado por dobre amarela. Inxusta derrota do Celta Xuvenil A, que buscará dar a volta á eliminatoria o vindeiro domingo 25 de maio en Zubieta.
FICHA TÉCNICA
2-Celta: Ángel, Sergio, Samu, Peña, Bugallo (Engonga, min.57), Pape, Julio, Jordan, Manu Vilán (Quiles, min.75), Fede e Brais (Berto, min.68)
3-Real Sociedad: Otaño, Odriozola, Prieto, Sarriegui, Ugarte, Tarantino, Calvillo, Goridi, Capilla, Olabe e Olaizola
Goles: Jordan, min.21 (1-0); Brais Méndez, min.43 (2-0); Capilla, min.50 (2-1); Capilla, 2-2 (min.72); Capilla, 2-3 (min.73)
Campo: A Madroa