O RC Celta deixa outro fito para a súa historia, un logro que colma de satisfacción ao club e á afección: por primeira vez, o equipo celeste conta con xogadores da canteira en todas as categorías da Selección Española con convocatorias activas, desde a absoluta ata a sub-15. Este importante fito supón unha nova lombeirada á decidida aposta do club e a Fundación Celta polo desenvolvemento e a potenciación das categorías inferiores, base do proxecto celeste.
Iago Aspas acaba de regresar da concentración coa Selección Española absoluta, na que se converteu nun fixo desde a pasada tempada, tras enfrontarse a Israel e Albania. O porteiro Iván Villar consolidouse na Sub-21, con cuxo combinado foi convocado para o partido disputado o pasado 10 de outubro en Eslovenia, segunda xornada da Fase de Clasificación ao Campionato de Europa da categoría.
Diego Pampín atópase na India coa Selección Española Sub-17, cuxo seleccionador incluíu ao galego na lista de futbolistas que participan na Copa Mundial da categoría que se disputa entre o 2 e o 28 de outubro. España está a realizar un gran papel e alcanzou os cuartos de final.
Miguel Rodríguez Vidal e Damián Rodriguez Sousa, canteiráns do Celta Cadete B, foron convocados por primeira vez pola Selección Española Sub-15. Os célticos formaron parte da lista elaborada por Santi Denia para adestramentos oficiais en Rózalas entre os días 25 e 27 do pasado mes.
A longa lista a redondea o canteirán Riki Mangana, lateral do Celta B que acaba de cumprir 18 anos, quen foi convocado pola Selección Sub-19. O seleccionador Luís de la Fuente incluíuno na lista de 22 futbolistas cos que adestrará durante tres días na Cidade Deportiva de Las Rozas a partir do luns 23 de outubro.
Todas as convocatorias recentes da Selección Española contan, por tanto, con canteiráns do RC Celta, un logro histórico recibido con orgullo polo club e unha afección que apoia de maneira exemplar, con decisión, paciencia e agarimo, á canteira celeste.