Celta Campeche, a primeira escola de fútbol do RC Celta en México, xa ten todo preparado para acoller a terceira edición da Copa Celta, unha competición de fútbol base que xa é unha das máis prestixiosas no país mexicano.
O torneo disputarase do 4 a 7 de xaneiro nas instalacións do Campeche Country Club. En total participarán ao redor de 150 equipos e máis de 2.000 futbolistas. A competición desenvolverase en seis campos simultáneos e estarán presentes equipos de todo o mundo.
A Copa Celta contará coa participación das principais canteiras mexicanas, clubes europeos como o RC Celta, Atlético de Madrid ou Porto e conxuntos doutros recunchos como Xamaica, Estados Unidos ou Xapón.