A pasada fin de semana celebrouse nas instalacións de Bamford Park de Miami, en colaboración co club local Davie United Sharks, o primeiro campus Fundación Celta – Miami. Nel participaron 35 mozos de idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos e contaron coa presenza de 3 técnicos da canteira céltica (Marcos Alonso, Alex Andújar e Diego Sarabia).
Durante tres días os mozos adestraron baixo a metodoloxía do RC Celta, a cal xa chegou previamente a distintos puntos do mundo como Panamá, Serbia, Xapón ou Irlanda. O traballo centrouse nos aspectos técnico-tácticos do xogo, a través dun traballo por estacións, sen esquecer o carácter lúdico do xogo con competicións internas.
Ademais aproveitáronse os períodos de descanso entre a quenda de mañá e de tarde, para realizar distintos talleres de hábitos saudables e de formación en valores, explicando aos mozos como se traballan na Cidade deportiva da Madroa estes aspectos e a importancia que se lles dá aos mesmos.