Enorme vitoria do Celta B ante o CF Talavera de la Reina no partido correspondente á décimo sexta xornada de Liga no Grupo I de Primeira RFEF Footters disputado en Barreiro. O segundo equipo céltico encarrilou a vitoria con dous goles na primeira parte que ao cabo serían definitivos no último partido do 2021 como locais.
Bo comezo de partido para un Celta B que dispuxo de dúas boas chegadas nas botas de Miguel e Javi Gómez. Co paso dos minutos fóronse equilibrando as forzas ata que chegou o tramo final do primeiro tempo, onde os de Onésimo golpearon dúas veces en forma de gol. O primeiro cunha conexión entre Lautaro e Miguel, que se zafó do seu defensor para definir cunha rosca perfecta, e acto seguido chegaba o 2-0 por medio de Diego Pampín, que aproveitaba un rexeite de Edu Sousa.
A segunda parte comezou cun carrusel de ocasións para ambos os equipos, un tramo inicial no que tanto o Celta B como o Talavera dispuxeron de oportunidades claras para alterar o marcador. O filial celeste arrefriou o partido para reducir revolucións e mesmo puido sentenciar nos últimos minutos por medio de Cedric e Fabrício, que entraron de refresco.
Despois deste triunfo, o segundo equipo céltico suma a súa segunda vitoria consecutiva e sitúase na zona nobre con 25 puntos no seu haber. O Celta B pechará o 2021 medíndose na décimo séptima xornada de Liga ao CD Tudelano o vindeiro domingo 19 de decembro ás 12:00 no Municipal de Tudela.
FICHA TÉCNICA
2 – RC CELTA B: Gaizka Campos; Carrique, Javi Castro, Álex Martín, Diego Pampín; Alfon (Medrano, min. 82), Carbonell, Holsgrove, Javi Gómez (Beitia, min. 72); Miguel Rodríguez (Cedric, min. 72), Lautaro (Fabrício, min. 59).
0 – CF TALAVERA DE LA REINA: Edu Sousa; Choco, Bourdal, Escalante, Víctor Ruiz; Vicente Romero (Jordi Martín, min. 62), Ceberio (Juanma, min. 53), Borja Díaz (Edmilson, min. 75); Toño Calvo (Góngora, min. 75), Perales, David Añón (Dani Pichín, min. 62).
Goles: Miguel Rodríguez (1-0, min. 37); Diego Pampín (2-0, min. 41).
Árbitro: Bueno Prieto, do colexio madrileño. Amonestou a Escalante, David Añón, Vicente Romero, Borja Díaz e Víctor Ruiz, do CF Talavera de la Reina.
Campo: Barreiro.