A Fundación Celta de Vigo e o operador galego R escenificaron a renovación do acordo no Salón Regio da Sede, nun encontro encabezado polo director da Fundación olívica, Germán Arteta, o director de R, Alfredo Ramos, e Sergio Álvarez, conselleiro do club e ex porteiro do primeiro equipo, xunto a xogadores e corpo técnico do conxunto.
Desta maneira, R volve colaborar oficialmente co Celta Integra, que xoga en LaLiga Genuine, competición de equipos formados por persoas do colectivo D.I (con discapacidade intelectual) e organizada por LaLiga.
Alfredo Ramos asegurou que para R “esta colaboración supón a contribución cunha sociedade máis xusta e solidaria. Apoiar ao equipo Celta Integra achéganos máis do que lle ofrecemos, e permítenos expresar ano tras ano a nosa aposta compartida polo deporte, a integración social, a competencia sa e os bos hábitos de vida”.
Germán Arteta quixo expresar, en nome da Fundación e do equipo, o seu “máis sincero agradecemento a R pola súa continua colaboración e xeneroso apoio. A vosa contribución e compromiso -afirmou- foi fundamental para amplificar a visibilidade do noso equipo e crear novas sinerxias que nos axudan a avanzar promovendo a inclusión e o desenvolvemento dos nosos xogadores (…) Esperamos seguir contando co voso valioso respaldo no futuro, mentres continuamos a nosa viaxe cara á igualdade de oportunidades e a celebración da diversidade no deporte. Unha vez máis, grazas por crer na nosa causa e por ser parte fundamental do noso equipo”.
Sergio Álvarez tamén mostrou o seu agradecemento a R e pediulle que seguise crendo na iniciativa: “O soño deste grupo é xogar ao fútbol, e hai que darlles a oportunidade de facelo onde eles queren, no Celta. Grazas por axudarnos a que este proxecto siga sendo importante, non só pola parte deportiva, senón especialmente polo gran labor que fai a Fundación Celta Integra para a inclusión destes mozos e mozas na sociedade. Espero que esteades moitos máis anos connosco contribuíndo a cumprir os seus soños”.
Novas tecnoloxías tamén para o Celta Integra
Froito do novo convenio e para fomentar unha educación o máis integral e inclusiva posible, o operador galego e a entidade olívica prevén poñer en marcha un taller didáctico sobre seguridade dixital (ou sobre algún outro tema relacionado coas novas tecnoloxías) dirixido aos integrantes do equipo Celta Integra. Ademais, como colaborador do conxunto ata o final da presente tempada 2023-24 de LaLigaGenuine o logo de R estará presente no equipamento deportivo dos xogadores e do corpo técnico, e figurará igualmente na web do equipo.
En definitiva, o acordo referenda ese interese común da Fundación Celta e R por promover a mellora constante, crecemento e adaptación social do conxunto e das persoas que o conforman. Así mesmo, o operador galego dá percorrido, acompañando ao Celta Integra, á súa inquietude pola colaboración social para contribuír á mellora de vida dos/as habitantes de Galicia a todos os niveis.
Seis tempadas de xogo limpo e deportividade con LaLiga Genuine
O proxecto de LaLiga Genuine, que vincula fútbol e integración social, comezou a súa andaina da man de LaLiga fai seis tempadas. Para que prime a deportividade na competición, onde participan conxuntos do colectivo DEI (persoas con discapacidade intelectual), os clubs contan con puntos que premian o xogo limpo, ademais da puntuación polos resultados deportivos. O campionato xógase na modalidade de Fútbol 8 (partidos de 4 partes de 10 minutos cada unha) e a tempada divídese en 4 fases, que se desenvolven en diferentes sedes.