O santiagués Borja Iglesias xa forma parte da historia do Real Club Celta. O dianteiro do filial celeste converteuse a pasada xornada no máximo goleador na historia do Celta B ao alcanzar a cifra de 53 dianas, unha máis que as conseguidas por Goran Maric, anterior posuidor da marca.
Iglesias conseguiu a fazaña no campo do Caudal Deportivo, ante o que anotou dous goles, un deles desde o punto de penalti. O futbolista galego recoñeceu que o logro “tivo un sabor agridoce”, xa que a súa achega goleadora non foi suficiente para puntuar (os celestes perderon 3-2). Aínda que para o dianteiro “é bonito bater unha marca”, non quere darlle maior transcendencia e asegura que está concentrado “en traballar día a día”.