A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) da Consellería de Sanidade regresa a Abanca Balaídos este venres 24 de abril. O autobús estará no interior do estadio para que todas aquelas persoas que queiran facer unha doazón de sangue poidan facelo respectando e cumprindo todas as medidas de seguridade.
O autobús estará estacionado xunto á bancada de Marcador e todos os doantes deberán acceder pola porta 11 do estadio en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas. Para evitar que se acumulen doantes ao mesmo tempo, e de acordo ás medidas establecidas por Sanidade, todas as persoas que queiran doar deberán chamar con anterioridade ao teléfono de cita previa 900 100 828. A todos os citados enviaráselles un SMS de confirmación para que o persoal de seguridade da porta poida realizar o control de acceso.
A unidade móbil de ADOS xa estivo no estadio o pasado 3 de abril, unha xornada de solidariedade celeste que foi un éxito grazas ao apoio dos afeccionados e cidadáns. A Fundación Celta apoia un ano máis esta importante campaña de doazón de sangue, na que tamén colabora o RC Deportivo.