Nova xornada de alegría, satisfacción e orgullo para a canteira celeste e a Fundación Celta. Nada menos que tres xogadores das categorías inferiores do club foron convocados pola Selección Española Sub-16, na que nos últimos meses son habituais os xogadores do conxunto céltico.
O porteiro Brais Rodríguez, do Xuvenil B, estréase como internacional, o centrocampista Damián Rodríguez, no cadete A, debuta na Sub 16 tralo seu paso pola Selección Sub-15 e David Vilán, tamén do Cadete A e con protagonismo na Sub-15. repite nesta categoría tras ser chamado por primeira vez durante o pasado mes de setembro. Nesa ocasión, coincidiu na Cidade do Fútbol de Las Rozas co dianteiro Miguel Rodríguez. quen recientemente foi convocado coa Sub-17 malia que aínda ten quince anos de idade.
Os tres xogadores celestes participarán nos adestramentos oficiais que o combinado nacional realizará entre os días 7 e 9 de novembro na Cidade do Fútbol de Las Rozas.
Esta convocatoria referenda o traballo e o esforzo do club e a Fundación na potenciación e mellora da canteira celeste, cuxa achega ás categorías inferiores da Selección Española é máis que notable.