As categorías inferiores formarán en Balaídos no descanso do choque
Os equipos que conforman as categorías inferiores do club serán presentados ante a afección celeste durante o descanso do partido deste domingo, no que o Celta recibe ao Getafe para iniciar a tempada 2014-2015 (Balaídos, 21.00 horas). Durante o acto realizaranse as fotografías oficiais e estarán presentes todos os xogadores, adestradores e técnicos que tentarán un ano máis referendar o bo momento que está a vivir a canteira do club.
Este ano, as categorías inferiores do Real Club Celta afrontan unha nova e ilusionante tempada co reto de superar os éxitos obtidos na pasada campaña, que levaron ao club a obter diversos recoñecementos a nivel nacional como unha das mellores canteiras do país.
Celta e Fundación continúan traballando a diario para brindar á afección celeste unha canteira sólida, produtiva e ilusionante, que xa é motivo de orgullo para os seguidores do club.