O central noruegués será presentado hoxe na Madroa tras o adestramento do primeiro equipo
O Real Club Celta pechou a incorporación do primeiro reforzo invernal. Vadim Demidov, defensa central de 26 anos, chega cedido até final de tempada procedente do Eintracht Frankfurt. O xogador adéstrase xa co primeiro equipo e será presentado ao término da sesión preparatoria.
Demidov (Riga, 1986) desenvolveu os inicios da súa carreira profesional en equipos noruegueses como Sandefjord, Fram Larvik, Manglerud e Honefoss; ata que en 2008 fichou polo Rosenborg.
Neste equipo Demidov consolidouse como titular e en tres anos disputou 79 partidos e anotou 4 goles, ademais de participar na consecución de dous títulos ligueiros.
No mercado invernal de 2010 o futbolista noruegués saíu do seu país para fichar pola Real Sociedade, equipo co que disputou 36 partidos. Tras finalizar a tempada 2011-2012, Demidov fichou polo Eintracht Frankfurt, club do que chega cedido ao Real Club Celta.
A pesar de nacer en Letonia, Vadim Demidov trasladouse sendo un neno a Noruega e posúe a nacionalidade deste país. Como internacional debutou coa selección absoluta do país escandinavo en 2008 e desde entón foi convocado polo seleccionador nacional en numerosas ocasións.