Primeiro Equipo

Un gran Celta supera ao Madrid no primeiro envite de Copa

RC Celta

celta madrid 121212

Os celestes despregaron un xogo espectacular para adiantarse con goles de Bermejo e Bustos. Cristiano recortou ao final.

 

O Celta, empuxado pola súa afección, puxo furia, intensidade, fe e moito fútbol para superar ao Real Madrid no partido de ida dos oitavos de final da Copa do Rei. Os celestes despregaron un xogo espectacular en moitas fases do choque e adiantáronse con dous goles de Mario Bermejo e Bustos. Ronaldo, a falta de cinco minutos anotou para os brancos.

Ambiente espectacular e partido de ida e volta desde o comezo, cun ritmo frenético e un Celta valente que saíu desde o primeiro instante en busca da área rival. Ambos os equipos chegaron no primeiros quince minutos de xogo nun choque aberto e veloz.

Xusto cando se cumpriu o primeiro cuarto de hora, gran xogada celeste, con Iago Aspas, Krohn-Dehli e Park como protagonistas. O remate final do coreano saíu desviado. O Celta dominaba o partido, tocaba ben o coiro e superaba con solvencia a presión madridista. Nalgunhas xogadas, espectáculo puro.

O Madrid, que perdeu a Benzemá por lesión, tomou o dominio despois, co partido máis trabado, aínda que sen inquietar o máis mínimo a Sergio. A conexión Aspas Park volveu aparecer aos 39 minutos, pero o remate do dianteiro coreano foi ben despexado por Adán. Boa ocasión para o Celta, que mostraba unha ambición extraordinaria. Nos minutos finais, varios saques de esquina sobre a área do Madrid e algún con gran perigo. Enorme primeira metade do Celta.

Tras a continuación, os celestes saíron de novo como un ciclón, empuxando arriba e chegando con perigo. Aos 11 minutos, xogada xenial de Krohn-Dehli, pase ao segundo pau e remate certeiro, e complicado de Bermejo.

O Celta, de maneira máis que merecida tomaba vantaxe no partido. A súa proposta, ousada e brillante, daba os seus froitos no arranque da segunda metade. Chegaron despois máis ocasións para un equipo vigués que seguía atacando con decisión. O Madrid asomouse con perigo por primeira vez aos 23 minutos cun remate que atrapou ben Sergio.

Nesa fase do encontro, os vigueses acusaban un tanto o desgaste, acentuado polo pesado terreo de xogo. O conxunto madrileño deu un paso adiante e chegou con máis asiduidade á área celeste.

O Celta fíxoo de maneira demoledora aos 33 minutos, Arrancada de Bustos e zapatazo enorme desde a frontal. O coiro entrou pola escuadra da portaría de Adán. Golazo do medio centro celeste.

Sergio freou despois con solvencia os intentos de Cristiano Ronaldo, que, a falta de cinco minutos para o final, acertou a bater á meta vigués cun remate franco desde moi preto.

 

FICHA TÉCNICA

 

2-RC.Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Túñez, Roberto Lago, Augusto Fernández, Borja Oubiña, Krohn Dehli, J.Y. Park (De Lucas, min.63), Mario Bermejo (Vila, min.83) e Iago Aspas (Bustos, min.74).

 

1-R.Madrid: Adán, Varane, Pepe, Carvalho, Arbeloa, Xabi Alonso, Essien (Kaka´, min.64), Di María (Ozil, min.46), Modric, Cristiano Ronaldo e Benzema (Callejón, min.32).

 

Goles: 1-0, min.56: Bermejo; 2-0, min.78: Bustos; 2-1, min.85: Cristiano Ronaldo

 

Árbitro: Álvarez Izquierdo, do comité catalán. Amonestou a Krohn-Delhi, Bermejo, Augusto e Cristiano Ronaldo

 

Campo: Balaídos, 27.988 espectadores. Antes do comezo do partido gardouse un minuto de silencio na memoria de Nanette Norma Di Stefano, filla do presidente de honra do Real Madrid, Alfredo Di Stéfano.

 

Foto: Diego Pérez

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas