Os celestes realizaron un desgaste descomunal e sumaron un punto de ouro. Insa e Oubiña goleadores.
O Celta sumou un valioso punto ante o Barcelona nun partido en en o que realizou un desgaste tremendo. Gran Celta e goles de Natxo Insa e Borja Oubiña para este traballado empate.
Ben plantado o Celta no arranque dun partido de máxima esixencia cun ambiente extraordinario. O Barcelona tratou de impor a súa habitual proposta de xogo, cos celestes ben colocados e prestos a saír con velocidade.
O primeiros dez minutos foron de tenteo, sen hostilidades nas áreas, aínda que era o Celta o que tiña maior intención de facer dano. Ao once mimutos, Augusto anotou en fóra de xogo nunha chegada do conxunto celeste, cada vez máis decidido.
O cadro visitante tentábao con diagonais ás costas da zaga céltica, aínda que sen éxito neste primeiro tramo de partido. Aos 22 minutos, xogada polémica. Barta pugnou con Park e o dianteiro celeste caeu na área.
O Celta xogaba con intensidade e con sentido, sen deixar de buscar a portaría de Pinto, que salvou o gol en dúas ocasións aos 27 minutos, a segunda a un bo remate de Borja Oubiña de socato. O capitán cabeceou fóra aos 34 minutos á saída dun córner.
A seguinte foi cara adentro. Gran xogada en ataque, marabilla de Orellana e Natxo Insa leva o coiro á rede. Javi Varas desviou despois un lanzamento de Messi de falta. Tello colocou, aos 42 minutos, o coiro de maneira maxistral no segundo pau nunha xogada e a que roldou o fóra de xogo. Empate pouco antes do descanso.
Tras a continuación, o Barcelona dominaba e o Celta contragolpeaba, Park rematou desviado na primeira chegada celeste. Os visitantes apertaban, o equipo vigués defendíase con firmeza e trataba de saír á contra.
O Barça, aos 27 minutos desbordou pola esquerda, con Tello, cuxo centro rematou Messi á rede. Pau para os célticos, que estaban a realizar un gran desgaste. Tras o tanto, os vigueses adiantaron as súas liñas en busca do empate, con moitos espazos atrás. Debutou en Liga Madinda, co partido roto. A falta de dous minutos, centro de Orellana e cabezazo espctacular de Oubiña á rede. Golazo. Máis que merecido empate dun gran Celta.
FICHA TÉCNICA
2-R.C.Celta: Javi Varas, Jonny, Cabral, Demidov, Roberto Lago, Oubiña, Natxo Insa (Madinda, min.80), Augusto, Orellana, Pranjic (De Lucas, min.67) e Park (Mario Bermejo, min,60)
2-F.C.Barcelona: Pinto, Alves, Piqué, Bartra, Montoya, Song, Thiago (Iniesta, min.64), Fabregas (Busquets, min.82), Alexis (Villa, min.67), Tello e Messi
Goles: 1-0, min.37: Natxo Insa; 1-1, min.42: Tello; 1-2, min.72: Messi; 2.2, min.88: Oubiña
Árbitro: Mateu Lahoz, do comité valenciano. Amonestou a Cabral, Oubiña, Roberto Lago, Augusto, Fabregas, Alexis
Campo: Balaídos, 27.967 espectadores. Antes do comezo do partido gardouse un minuto de silencio en memoria de María del Carmen Otero Hernandez, nai da conselleira do Real Club Celta Carmen Avendaño. O canteirán celeste Levy Madinda debutou en Primeira División.