Primeiro Equipo

UEL | Wass e Beauvue fan soñar ao celtismo (2-1)

RC Celta

beauvue-celtakras.jpg

 

O Celta foi moi superior ao Krasnodar en xogo, pero custoulle moito rendibilizalo en goles. Wass adiantou aos galegos no minuto 50 e, cinco minutos despois, Claesson empatou. Os celestes non baixaron os brazos e pelexaron ata o final por marcar. Sobre a bucina, Hugo Mallo puxo un balón perfecto para que Beauvue cabecease ao fondo da rede. O Celta toma vantaxe nos oitavos da Europa League.

 

Gran primeiro tempo do Celta. Os celestes despregaron o seu xogo máis atractivo, xeraron ocasións e só faltou o gol. Non foi por non tentalo. O Celta dominou o primeiros corenta e cinco minutos ante un Krasnodar que non inquietou a Sergio en ningún momento.

 

Cabral e Guidetti de cabeza, Wass de falta directa, Sisto desde fóra da área tras unha gran xogada persoal… os de Berizzo crearon perigo, pero o balón resistíase a entrar. A mellor tívoa Guidetti nun remate de primeiras que se marchou fóra, practicamente rozando o poste.

 

A segunda parte arrincou con idéntico guión. Superioridade celeste ante un Krasnodar atenazado que apenas lograba xogar en campo rival. O merecido gol chegou de falta directa, no minuto 50. Wass golpeou o esférico con potencia e, tras botar na área, coouse ao fondo da rede. A alegría invadiu Balaídos… pero desvaneceuse moi pronto. Apenas cinco minutos despois Claesson recibiu na frontal, regateou á defensa con moita calidade e coou o balón entre as pernas de Sergio para pór o 1-1 no marcador. Era o primeiro disparo dos rusos entre o tres paus.

 

Co empate o Celta baixou unha marcha e por momentos pareceu estar en shock. O Krasnodar tivo unha boa ocasión para marcar o segundo, pero Sergio despexou o remate de socato de Ramírez. Os vigueses recompuxéronse e aos poucos recuperaron boas sensacións. Non se rendeu o equipo de Berizzo, que insistiu e insistiu ata o minuto final. Aí foi cando chegou a éxtase, sobre a bucina. Hugo Mallo recibiu en banda dereita, enviou o balón á área e Beauvue voou para cabecealo ao fondo da rede.

 

O Celta adiántase merecidamente nos oitavos de final. A próxima semana o desenlace en Rusia.

 

FICHA TÉCNICA

2-CELTA: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny, Marcelo Díaz, Radoja, Wass (Jozabed, min.69), Iago Aspas, Guidetti (Beauvue, min.79), Sisto.

 

1-KRASNODAR: Kritsyuk, Martynovich, Naldo, Granqvist, Ramírez, Zhigulev (Torbinski, min.82), Gazinski, Pereyra, Podberezkin (Mamaev, min.74), Wanderson (Laborde, min.79), Claesson.

 

Goles: Wass, 1-0, min.50; Claesson, 1-1, min.55; Beauvue, 2-1, min.90.

 

Árbitro: Craig Thomson, de Escocia. Amonestou a Claesson (Krasnodar).

 

Campo: Balaídos (18.279 espectadores).

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas