O soño fíxose realidade. Dez anos despois da súa última participación na Europa League e o día en que se cumprían 45 anos desde o seu debut europeo, o Celta regresou ao torneo continental que tan bos recordos deixou no pasado do club vigués. Un gol temperán do Standard puxo o partido costa arriba desde o principio, pero en dez minutos os celestes lograron a igualada cun tanto de Giuseppe Rossi.
Os celestes sufriron un duro revés cando, transcorridos apenas tres minutos, Dossevi desfíxose de todo opoñente na frontal da área céltica e coou o esférico até o fondo da rede. Os de Berizzo mostrábanse incómodos sobre o céspede e non lograban despregar o seu estilo habitual. Cun disparo afastado de Rossi no minuto 13 que golpeou o poste antes de entrar na portaría belga, o Celta puxo as táboas no marcador e recuperou a calma. O cadro vigués recompúxose e ofreceu pequenos escintileos, pero na recta final do primeiro tempo o Standard volveu apertar.
Na segunda parte o fútbol escaseou. Con numerosos paróns no xogo e poucas ocasións, o choque foi morrendo cara ao asubío final. Pasado o minuto 60 Tucu cabeceou dous balóns perigosos. O Celta regresou a Europa puntuando en campo rival. A próxima xornada europea Balaídos acollerá un atractivo enfrontamento ante o Panathinaikos grego que esta noite caeu derrotado 1-2 ante o Ajax.
FICHA TÉCNICA
1-STANDARD: Gillet, Fai, Scholz, Laifis, Echiejile, Dossevi, Enoh, Trebel, Edmilson, Raman, Belfodil.
1-RC CELTA: Sergio, Lemos, Costas, Cabral, S.Gómez, Jonny, Radoja, Pablo Hdez., Sisto, Naranjo, Rossi.
Goles: Dossevi, min.3 (1-0); Rossi, min.13 (1-1).
Árbitro: Hüseyin Göçek, de Turquía. Amonestou ao local Belfodil e aos celestes Naranjo, Pablo Hdez., Bongonda, Radoja.
Campo: Maurice Dufrasne.