“Este luns pode ser un día histórico”, sinalou Sergio Álvarez esta mañá na sala de prensa da Madroa. Os celestes mídense á Granada este luns (Balaídos, 20:30), un choque no que se pode celebrar a clasificación matemática a competición europea. O soño de todo o celtismo está preto de materializarse e ‘o gato de Catoira’ non dubida en remarcar a importancia dunha afección cuxo respaldo foi clave no incrible crecemento do club: “A afección merécese isto despois de tantos anos de sufrimento. Hai que dar as grazas aos afeccionados polo apoio que nos deron sempre e esperar que o luns estean en Balaídos para animarnos”.
O gardameta galego subliñou o mérito que suporía para o RC Celta alcanzar a Europa League, un logro que enchería ao equipo de “ilusión e satisfacción polo traballo feito”, e lembra o pasado recente da entidade céltica: “Pasamos por situacións duras, tanto no deportivo como no económico. Este é un momento moi doce e hai que gozalos coa afección, todos xuntos, e con intensidade”, sinalou Sergio. O canteirán mostrouse ambicioso e, aínda que recoñeceu que nesta recta final de campionato “sempre é complicado gañar”, o persoal está decidida a seguir traballando para “quedar o máis arriba posible”.