Sergio Álvarez, o Gato de Catoira, está a só un partido de converterse en centenario co primeiro equipo celeste. O porteiro galego asegurou en rolda de prensa que este feito supón “unha alegría inmensa despois de moitos anos de traballo, esforzo e sacrificio” e espera seguir sumando partidos “porque significará que sigo aquí, xogando no club que quero”.
Facendo un repaso á súa traxectoria, Sergio móstrase incapaz de quedar con só un momento – “o debut co primeiro equipo, o debut en Primeira División, o ascenso, a permanencia….” – pero si lembra como especial unha parada a Álvaro Negredo na súa estrea en Primeira co RC Celta: “Na portaría de Marcador. Foi significativa porque iamos gañando 1-0, era o gol do empate e ao final gañamos 2-0. Era o meu debut contra todo un Sevilla e é unha parada que sempre lembrarei”, explicou.
O canteirán non quixo facer contas para unha posible clasificación a competición europea. No seu lugar aposta por “ir paso a paso” e de momento pensar soamente en gañar á Valencia: “Temos que seguir deixando atrás aos perseguidores e, por que non, alcanzar aos que están por encima”, declarou, remarcando que o vestiario é moi ambicioso e pelexará até o final por quedar o máis arriba posible: “O club atravesa un bo momento, o equipo está a realizar un traballo incrible e estamos nunha posición privilexiada”, asegurou.