Partido transcendental. O RC Celta necesita a vitoria este domingo ante a SD Eibar por múltiples motivos, e todos e cada un de enorme peso. Triunfo para adquirir confianza, liberar presión, recortar distancias, e non perdelas, cun rival directo, avanzar na táboa, avivar a esperanza, recuperar o ánimo…
Só é posible da man da afección, xuntos, como sempre. O celtismo prevé realizar un recibimento ao equipo na chaira de Marcador para dar ese primeiro impulso desde a chegada ao estadio. O club apóiao con diversas iniciativas encamiñadas a potenciar un ambiente adecuado á transcendencia do choque.
Na Bancada Siareiros serviranse, de maneira gratuíta, chocolate, bebida e racións de empanada desde as 11.30 horas e até as 12.10, hora prevista para que a afección reciba ao equipo. Unha vez conclúa, a bancada reabrirase até as 13.20 horas para que os afeccionados poidan continuar gozando xuntos da previa deste vital encontro.
A unión entre equipo e afección é o único camiño, percorreuse moitas veces. Haberá unha máis.