O Real Club Celta continúa fortalecendo o seu proxecto deportivo cunha nova e ilusionante renovación. O internacional chileno Pablo ‘Tucu’ Hernández, recente campión da Copa América Centenario, selou a súa continuidade co club vigués até o ano 2020.
O centrocampista chegou a Vigo na tempada 2014/2015. Desde entón experimentou unha extraordinaria progresión até converterse nunha importante peza no equipo celeste. Tucu acumula 72 partidos co Celta nos que realizou 6 goles e 7 pases de gol.
“É moi importante que se volva confiar en min. Tratarei de devolver esa confianza con moito traballo, como veño facendo ata agora”, declarou Hernández tras asinar a súa renovación xunto ao presidente Carlos Mouriño na sede social do club.