Esta técnica terapéutica complementa o traballo diario dos fisioterapeutas do club
Borja Oubiña, capitán do primeiro equipo, continúa traballando na súa recuperación. O centrocampista céltico sufriu unha fractura no cuarto dedo do pé dereito no partido ante o Rayo Vallecano, o 9 de novembro, lesión que lle impediu traballar co grupo nas últimas semanas a causa da dor.
Co fin de recuperar canto antes ao futbolista vigués, os servizos médicos celestes decidiron complementar a labor dos fisioterapeutas do club con sesións de magnetoterapia na clínica ASEPEYO. Esta técnica terapéutica, baseada no uso de campos magnéticos sobre o corpo, incrementa o crecemento celular e potencia a rexeneración do tecido óseo, acelerando, no caso do capitán, a cicatrización da súa fractura.
A magnetoterapia, práctica á que recorreron antes outros deportistas de elite como o motociclista Valentino Rossi ou o tenista Rafa Nadal, axuda a reducir os tempos de recuperación nas lesións óseas, obxectivo que se marcaron os médicos do club co mediocentro galego.
Fotografía: Diego Pérez