O Dr. Cota, xefe dos servizos médicos, explica a situación do capitán celeste
Borja Oubiña, capitán do RC Celta, someterase nos próximos días a unha limpeza articular do seu xeonllo esquerdo, tratamento quirúrgico que foi recomendado polo xefe dos servizos médicos do club, o Dr. Cota, tras concluír que “a diferenza de ocasións anteriores, o cadro clínico do xogador non mellora co tratamento e repouso mantendo limitación para a súa actividade”.
O centrocampista vigués arrastra desde fai semanas unhas molestias no seu xeonllo esquerdo que non se resolveron con tratamento fisioterápico e médico. O Dr. Cota, que se atopa coa expedición céltica no Reino Unido, explica que “esas molestias son similares ás xa sufridas polo xogador noutras ocasións e están en relación cos antecedentes lesionales da articulación”.
O galeno celeste recomendou a Borja Oubiña a limpeza articular tras realizar un estudo RMN “que evidencia alteracións xa coñecidas e presenza de corpos libres articulares”. Tendo en conta que o Dr. Ramón Cugat foi o especialista encargado da última operación á que foi sometida o xeonllo do xogador, en Barcelona, o futbolista galego acudiu á cidade condal para que este mesmo especialista valorase a situación: “o Dr. Cugat está de acordo co meu criterio e tamén indica como tratamento unha artroscopia no xeonllo afectado”, asegura o Dr. Cota.
Aínda que pendente de confirmación, o Dr. Cugat podería levar a cabo a intervención o vindeiro martes 5 de agosto no Hospital Quirón de Barcelona, centro e especialista elixidos por Borja Oubiña. A petición do xogador, o Dr. Cota desprazarase desde a concentración do primeiro equipo en Inglaterra para estar presente no procedemento.