O dianteiro, celeste as próximas 5 tempadas, preséntase este domingo ás 11h
O dianteiro sueco John Guidetti, pretendido por clubes punteiros de distintas ligas europeas, súmase ao sólido e ilusionante proxecto do Real Club Celta. O dianteiro, celeste as próximas 5 tempadas, será presentado este domingo ás 11:00h en Balaídos.
John Guidetti (1992, Estocolmo) é internacional Sub-21 con Suecia, selección coa que recentemente se proclamou campión dunha Eurocopa na que o novo ariete foi un dos grandes protagonistas. Contratado en 2008 polo Manchester City, Guidetti destapouse como un auténtico goleador na 2011/12, durante a súa cesión no Feyenoord holandés, e a tempada pasada no Celtic da liga escocesa.
As grandes calidades do atacante nórdico, a súa enorme proxección e un carácter único que transforma en esforzo e entrega sobre o terreo de xogo, espertaron o interese de clubs punteiros de todo o mundo. Con todo, Guidetti decantouse con total determinación polo ilusionante proxecto deportivo que lle ofrece o Real Club Celta, que pecha desta maneira o seu terceiro reforzo tras as chegadas de Iago Aspas e Daniel Wass.