O extremo zurdo, de 19 anos de idade, será celeste ata xuño de 2019
O Real Club Celta pechou a incorporación dun xogador cunha enorme proxección: Théo Bongonda. O atacante zurdo, procedente do S.V. Zulte-Waregem e internacional Sub-21 con Bélxica, será celeste ata xuño de 2019.
Bongonda (Bélxica, 20 de novembro de 1995) é internacional Sub-19 e Sub-21 coa selección do seu país, coa que se enfrontou recentemente a España en Ferrol. A pesar da súa mocidade, xa disputou 33 partidos na Primeira División de Bélxica e anotou 4 goles co SV Zulte-Waregem, que esta tempada disputou a Europa League, competición na que tamén tivo protagonismo.
Trátase dun extremo esquerdo que se caracteriza pola súa habilidade e velocidade. Como anécdota, un dos seus goles anotados en 2014, ante o Lokeren, deu a volta ao mundo pola súa espectacularidade.
Bongonda, que levará o dorsal 18, coñeceu esta mañá aos seus novos compañeiros e exercitouse por primeira vez baixo as ordes do corpo técnico celeste.