Síguenos
Primeiro Equipo

O RC Celta perfecciona o seu centro do campo co talento e a calidade do danés Mathias Jensen

RC Celta

O centro do campo do RC Celta recibe un aluvión de talento, calidade e chegada coa incorporación de Mathias Jensen, xogador procedente do FC Nordsjaelland que asina por cinco tempadas co equipo vigués. Mathias Jensen (Dinamarca, 1 de xaneiro de 1996), é un medio centro ofensivo que manexa con precisión ambas pernas e atesoura unha gran calidade e visión de xogo, virtudes que lle permiten organizar de xeito magnífico o xogo do equipo.

O centrocampista, internacional con Dinamarca desde a sub-18 ata a sub-21, ten unha gran capacidade para conectar coa liña ofensiva e filtrar precisos pases aos dianteiros, así como para garantir unha saída de balón limpa e clara. Posúe ademais un excelente golpeo de balón con ambas pernas e as súas incorporacións son sempre sinal de perigo.

A pasada campaña, Jensen disputou na Primeira División danesa un total de 35 partidos, nos que anotou doce goles e deu dez asistencias.

Trátase do sexto reforzo do RC Celta para a ilusionante tempada 2018/2019, para a que o club vigués incorporou ata a data, ademais de a Mathias Jensen, a David Juncá, Okay, Néstor Araujo, Boufal e Fran Beltrán.

O xogador danés será presentado ante os medios de comunicación mañá, xoves, ás 13.00 horas no Salón Regio e a continuación, ás 13.30 horas, asinará autógrafos e atenderá á afección na tenda do RC Celta en A Sede.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Novas primeiro equipo Novas primeiro equipo Novas primeiro equipo Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas