O lateral celeste Kevin Vázquez, lesionado no partido de onte á noite ante Osasuna, sofre unha fractura lonxitudinal do malar con alcance ata o bordo anterior da órbita. O canteirán celeste foi examinado polo doutor Sandoval, ciruxán maxilofacial na clínica Maxilodental Alameda de Vigo.
Os servizos médicos celestes destacan que dado que a fractura non conleva alteración estética nin funcional ocular “en principio decídese tratamento non quirúrxico” e precisan que Kevin poderá iniciar adestramentos en ximnasio desde mañá e no campo, sen contacto, nuns días.
Apuntan que se lle fará unha máscara protectora a medida para cando inicie os adestramentos con normalidade, nunhas 3-4 semanas.