Primeiro Equipo

O Celta xogarase todo en Balaídos

RC Celta

Celta_VS_Faldon.jpg

Os celestes vencen ao Valladolid con goles de Cabral e Aspas. Incrible actitude da afección celeste.

 

O Celta tardou uns minutos en situarse no partido, pero en canto decidiu levar a iniciativa comezou a xerar perigo. Tras varios centros laterais ben medidos que non atoparon rematador, os vigueses gozaron de dúas boas ocasións para adiantarse no marcador.

 

Primeiro Augusto cabeceou un remate de Krohn-Dehli que o central Peña sacou baixo paus. Un minuto despois era Álex López o que remataba dentro da área valisoletana a pase de Augusto. Os celestes rozaban o 0-1, non sen sobresaltos, xa que un despexe defectuoso da zaga olívica estivo a piques de aproveitalo o Valladolid.

 

No minuto 27 o Celta atopou o seu premio. Lanzamento de Krohn-Dehli desde córner que Augusto tocou cara atrás no primeiro pau. Cabral apareceu con contundencia para cabecear a pelota ao fondo da portaría. Na xogada anterior o centrocampista danés reclamou un penalti que o colexiado non apreciou.

 

No último cuarto do primeiro tempo o Celta botouse atrás e cedeu o protagonismo ao conxunto local, que nun par de envestidas estivo preto de pór as táboas no marcador. Ao fío do descanso os vigueses recibiron un duro mazazo. Falta de Larsson sobre Javi Varas na que o porteiro cae de forma aparatosa.

 

O gardameta andaluz lesionouse de gravidade e tivo que saír en padiola. Rubén Blanco saltou ao terreo de xogo para defender a portaría céltica. O seu debut co primeiro equipo comezou cun bo despexe cos pés ante un disparo de Manucho, desde dentro da área.

 

A segunda parte comezou cunha ocasión inmellorable para os célticos. Combinación ao bordo da área, pase de Krohn-Dehli e remate de Iago Aspas dentro da área que vai directo contra o corpo do porteiro. O dianteiro moañés estaba en posición correcta e totalmente só.

 

O Valladolid tentaba sorprender con centros á área, pero a defensa celeste mostrábase moi seria e evitaba que Rubén tivese que intervir. No minuto 54 unha man de Marc Valiente dentro da área puxo en bandexa o segundo gol para o Celta. Iago Aspas executou a pena máxima con acerto.

 

Os locais non deixaban de inquietar a área celeste, pero eran os vigueses quen parecían máis preto de anotar de novo. No 67 Krohn-Dehli realizou un gran remate desde a frontal da área que impactou no traveseiro, botou dentro da portaría e saíu fóra. O xuíz de liña non apreciou que o esférico traspasara a liña de gol e o tanto non subiu ao marcador.

 

O Celta continuou apertando até o final, pero sen ser capaz de definir no remate. Iago Aspas, Bellvís, Roberto Lago e Orellana dispuxeron de ocasións dentro da área para sentenciar o partido, pero Jaime atallou con acerto todas as situacións de perigo. Rubén tamén tivo oportunidade de lucirse cunha gran estirada coa que evitou que o Valladolid recortase diferenzas.

 

Vitoria importantísima que mantén con vida ao Real Club Celta. Os vigueses xogaranse a permanencia en Balaídos o próximo fin de semana ante o Espanyol diante da afección celeste, que en Valladolid tivo unha actitude incrible.

 

FICHA TÉCNICA

 

0-Valladolid: Jaime, Rukavina, Marc Valiente, Sereno (Rueda, min.61), Óscar, Larsson (Bueno, min.46), Peña, Álvaro Rubio (Sastre, min.46), Ebert, Víctor Pérez e Manucho

 

2-RC Celta: Javi Varas (Rubén Blanco, min.45), Bellvís, Cabral, Túñez, Roberto Lago, Borja Oubiña, Natxo Insa, Augusto (Orellana, min.63), Álex López (Madinda, min.80), Krohn-Dehli e Iago Aspas

 

Goles: Cabral, 0-1 (min.27); Iago Aspas, 0-2 (min.55, de penalti)

 

Árbitro: Estrada Fernández. Amonestou a Álvaro Rubio, Larsson, Sastre, Marc Valiente, Cabral, Oubiña

 

Campo: Nuevo José Zorrilla.

 

Incidencias: máis de 1.000 afeccionados celtistas na bancada. Javi Varas mancouse de gravedade e foi substituído por Rubén, que debutou co primeiro equipo en competición oficial

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas