O Real Club Celta estréase ao grande na LaLiga World, iniciativa que ten como obxectivo potenciar a proxección internacional dos clubs españois, cun apaixonante torneo que terá lugar este mes de xullo en Montevideo, capital de Uruguai. O equipo vigués participará entre os días 21 e 23 do presente mes nun torneo cuadrangular enmarcado en LaLiga World xunto a Deportivo da Coruña, Nacional de Montevideo e Peñarol.
Os celestes mediranse ao Deportivo o 21 de xullo ás 17:30 hora local (22:30 hora española) no Estadio Centenario de Montevideo. A final do torneo terá lugar o 23 no mesmo escenario ás 17:30 hora local (22:30 hora española), mentres que o partido polo terceiro e cuarto posto disputarase ese mesmo día á 15.00 hora local (20:00 hora española), tamén no Estadio Centenario.
Todos os partidos desta xira poderán seguirse en directo e de forma totalmente gratuíta a través da canle oficial de YouTube de LaLiga e pola TVG. O conxunto celeste partirá cara a Uruguai o día 18 de xullo e regresará para continuar coa súa preparación nas instalacións da Madroa o luns 25.