O Celta sufriu no Bernabeu unha dura goleada, impensable tras unha primeira metade excelente dos vigueses, que estrelaron un balón na madeira e encaixaron ao final nun saque de esquina. En segunda parte, o Madrid anotou en cada remate, varios deles a balón parado. Iago Aspas foi o autor do tanto celeste.
O Celta equilibrou enseguida un choque que o Madrid tratou de acelerar desde o inicio. Os celestes, fieis a si mesmos en calquera escenario, reclamaron o coiro e tocaron con criterio e precisión. Aos 13 minutos, gran xogada de Nolito, con centro final de Orellana e cabezazo de Iago Aspas á cruceta. O rexeite acabou en paradón de Navas. Ocasión inmellorable tras unha brillante xogada ofensiva dun Celta desinhibido, valente e ambicioso.
Rubén sacou de maneira prodixiosa pouco despois un remate de socato de Isco á saída dun córner. Pablo Hernández, moi destacado no partido, tivo que ser substituído tras unha entrada de Lucas Vázquez. Radoja ocupou o lugar do chileno.
No tramo final, o Madrid explotou as xogadas a balón parado, e a ausencia do lesionado Pablo Hernández. Rubén despexou cunha gran parada un cabezazo de Casemiro nun córner, pero no saque de esquina seguinte Pepe cabeceou á rede. Os celestes envorcáronse nos minutos finais en busca dun empate que merecían dabondo, pero que non chegou. O Madrid non fora capaz de crear perigo salvo desde o banderín e o Celta o fixera coa súa innegociable aposta pola combinación. Ao descanso, non gañaba o fútbol dinámico, senón o do balón parado.
Tras a continuación, ao catro minutos, Ronaldo lanzou de lonxe e anotou o segundo do Madrid. O Celta acusou o tanto e desapareceu nos seguintes minutos, cos locais envorcados en ataque e os celestes sufrindo para frealos. Aos 12 minutos, Ronaldo colocou na escuadra unha falta desde a frontal. Rubén saco outra pouco despois. Momentos delicados para os célticos, que reaccionaron da mellor maneira posible. Balón longo de Sergi Gómez cara a Iago Aspas e perfecta e preciosa vaselina do canteirán. Golazo.
Pouco durou a alegría. Dous minutos despois, unha perda preto da área acabou no terceiro gol de Ronaldo. O árbitro deixou sen sancionar unha man de Danilo na área a remate de Guidetti. Ronaldo cabeceou á rede un saque de esquina aos 30 minutos para ampliar a vantaxe local. A falta de dez minutos, Bale lanzou desde a frontal e anotou un novo tanto. O Madrid metía todo o que xeraba e selaba unha dura goleada para os célticos.
FICHA TÉCNICA
7-R Madrid: Navas, Pepe, Ramos, Ronaldo, Casemiro, Carvajal (Marcelo, min.77), Kovacic, Lucas V., Isco (Bale, min.65), Danilo e B. Mayoral (Jesé, min.70)
1-RC Celta: Rubén Blanco, Jonny, Planas, Gómez, Mallo, Marcelo Díaz, Orellana, Wass (Beavue, min.78), Pablo Hernández (Radoja, min.34), Nolito e Iago Aspas (Guidetti, min.67)
Goles: 1-0, min.40: Pepe; 2-0, min.50: Ronaldo; 3-0, min.58; 3-1, min.62: Iago Aspas; 4-1, min.64: Ronaldo; 5-1, min.71: Ronaldo; 6-1, min.78: Jesé; 7-1, min.80: Bale
Árbitro: Gil Manzano, do comité extremeño. Amonestou a Danilo, Pepe, Nolito, Jonny, Orellana
Campo: Santiago Bernabeu