O presidente Carlos Mouriño anunciouno trala firma do acordo de patrocinio con Estrella Galicia
Tras unha magnífica tempada, cun excelente oitavo posto na táboa e un xogo admirable, o Real Club Celta xa puxo a primeira pedra da próxima campaña, e do futuro, coa renovación dun dos xogadores con maior peso no equipo: Augusto Fernández. O capitán será celeste ata 2019 tras asinar un contrato que lle une ao club durante as catro próximas tempadas, segundo anunciou esta tarde o presidente celeste, Carlos Mouriño, trala firma da renovación do acordo de patrocinio con Estrella Galicia.
O mes de xuño arrinca de xeito espléndido para o Real Club Celta coa renovación do capitán do equipo, un xogador que brillou desde a súa chegada e que na recentemente concluída campaña ofreceu un extraordinario rendemento no eixe do centro do campo. A continuidade de Augusto supón un gran paso adiante para asentar o ilusionante e sólido proxecto deportivo do club, complementado por un bo número de iniciativas en todas as áreas encamiñadas a garantir o futuro da entidade.