O Celta caeu ante o Atlético (0-4) tras unha gran primeira metade, con dúas espléndidas oportunidades desperdiciadas, e unha segunda na que acusou de maneira brutal o primeiro tanto, temperán, do rival.
Ritmo infernal desde o primeiro instante, cunha presión feroz de ambos equipos e unha gran velocidade en cada ataque. Neste fragor, chegou unha gran ocasión para o Celta, valente e decidido. Ao nove minutos, gran pase de Iago Aspas cara a Señé, quen recorta a Oblak e remata ao exterior da rede. Aos 32 minutos, outra gran oportunidade celeste. Gran pase, de novo, de Iago cara a Bongonda, quen se foi por velocidade e lanzou moi axustado ao pau. O descanso chegou sen goles e con Celta intenso, sólido e dominador.
Ao sete minutos da continuación, centro de Griezmann e remate á rede de Koke. O Atlético, que aínda non chegara, adiantouse no marcador cun balón longo, sen elaboración, de maneira moi sinxela. O Celta acusou moito o golpe e pasou uns minutos de gran dificultade, con remate ao pau de Gameiro incluído.
Aos 72 minutos, Girezmann cabeceo á rede tras un centro desde a dereita. O francés repetiu pouco despois para ampliar a vantaxe branquivermella e Correa pechou o resultado ao final. O Celta, descoñecido, non se repuxo do primeiro tanto.
FICHA TÉCNICA
RC Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Radoja, Wass (Rossi, min.68), Pablo Hernández, Señé (Sisto, min.75), Bongonda (Pape, min.86) e Iago Aspas
AT Madrid: Oblak, Juanfran, Godín, Savic, Filipe Luis, Gabi (Tiago, min.82), Koke, Carrasco /Correa, min.68), Girezmann e Fernando Torres (Gameiro, min.62)
Goles: 0-1, min.52: Koke; 0-2, min.72: Griezmann; 0-3, min.81: Griezmann; 0-4, min.89: Correa
Árbitro: Jaime Latre, do comité aragonés. Amonestou a Gabi, Correa, Señé
Campo: Balaídos, 18.100 espectadores. Antes do comezo do partido o RC Celta rendiu homenaxe á piragüista Teresa Portela e gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Porriño.