Primeiro Equipo

O Celta demostra a súa continua progresión ante o Wolverhampton

RC Celta

wolves-rccv-orellana.jpg

Os celestes sumaron un empate e ofreceron boas sensacións. Larrivey anotou o gol vigués (1-1)

 

Boas sensacións, cada vez mellores, dun Celta que aposta claramente por levar o dominio dos partidos. Ante o Wolverhampton os vigueses sumaron o segundo empate da xira británica (1-1) e demostraron que continúan crecendo encontro tras encontro, tanto en xogo como en carácter e espírito gañador.

 

O Celta arrincou o partido deixando clara unha vez máis a súa aposta polo balón. No primeiros quince minutos os celestes roldaron a área rival e puxeron a proba a Keme, que evitou que os remates de Orellana ou Madinda terminasen no fondo da rede.

 

O partido presentábase equilibrado, cos vigueses máis dominadores e o Wolverhampton buscando a contra. A presión céltica en campo rival subiu co paso dos minutos, así como as chegadas. Ao vinte minutos de xogo Álex López enviou o balón moi preto do poste tras unha boa recuperación e, pouco despois, de novo o ferrolán, esta vez desde fóra da área, buscou o gol.

 

A pesar de que era o Celta o cadro que acumulaba máis chegadas, o electrónico do Molineaux Stadium estreárono os locais. Corría o minuto 32 cando un erro na cesión do balón a Sergio foi aproveitada polo dianteiro Dicko para adiantarse no marcador. Xogada desafortunada tras unha acción sen perigo dos “wolves”.

 

O descanso chegou cun Wolverhampton totalmente pechado atrás e un Celta aguerrido que buscaba con forza a remontada.

 

O equipo inglés saíu con maior agresividade tras a continuación, chegando a protagonizar varias entradas duras sobre os xogadores célticos. O cadro local abriu a segunda parte cun lanzamento ao poste. Un remate de socato de Henry que a punto estivo de supor o 2-0. O Celta non quixo ser menos e respondeu con carácter. No minuto 51 Fontàs cabeceou un balón que excedeu o traveseiro por pouco e ao cabo dun intre Larrivey estrelou a pelota contra a madeira cun extraordinario remate de primeiras a pase de Orellana.

 

As boas sensacións dos galegos ían en aumento, do mesmo xeito que o acoso á portaría rival. No minuto 56 Larrivey protagonizou outro gran disparo, á media volta, co que puxo en serios aprietos a Keme. Foi a antesala do gol do arxentino. Corría o minuto 64 cando Larrivey definiu á perfección coa zurda tras unha gran asistencia de Nolito. O Wolverhampton non lograba saír da súa propia área.

 

Co 1-1 Berizzo deu entrada a máis xogadores de refresco. O Celta buscou a vitoria até o asubío final. Unha volea de Nolito a poucos minutos para a finalización pechou as ocasións dos célticos.

 

FICHA TÉCNICA

1-Wolverhampton: Keme, Ricketts (Doherty, 85’), Batth, Stearman, Golbourne, McDonald, Evans, Henry (Clayton, 73’), Jacobs, Van La Parra (Edward, 73’) e Dicko

 

1-RC Celta: Sergio, Hugo Mallo (Planas, 61’), David Costas (Fontàs, 45’), Cabral (Sergi Gómez, 61’), Samu (Jonny, 45’), Borja Fernández (Krohn-Dehli, 45’), Madinda (Nolito, 45’), Álex López (Goldar, 69’), Orellana (Fernán, 73’), Santi Mina (Yelko, 63’) e Charles (Larrivey, 45’)

 

Goles: Dicko, 1-0 (32’); Larrivey, 1-1 (64′)

 

Árbitro: Stephen Martin. Amonestou a Dicko, Cabral, Nolito, Planas

 

Campo: Molineaux Stadium (8.000 espectadores)

 

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas