Os vigueses dominaron o choque por completo con moi bo xogo. Nolito e Orellana, os goleadores
Tres partidos sen perder, gran xogo e meritoria vitoria ante o Atlético de Madrid. Balaídos, cun gran ambiente, viviu un enorme partido dos celestes, ambiciosos e dominadores desde o inicio, cun desenlace fantástico, 2-0. Anotaron Nolito e Orellana.
O Celta saíu concentrado, intenso e ambicioso ante un poderoso rival que apenas podía conter aos celestes. O dominio céltico era claro, con varias chegadas sen culminación ante un rival moi sólido en defensa. Krohn-Dehli lanzou moi preto do pau aos 16 minutos na mellor ocasión do arranque do partido.
O partido xogábase en campo do Atlético de Madrid, ben pechado atrás e aplicado na destrución de espazos. Camiño da media hora de xogo, os celestes mantiñan o empuxe e a intensidade, con numerosos balóns á área sempre ben defendidos pola zaga visitante, imposible de superar. Aos 32 minutos, Nolito lanzou desde a frontal de novo preto do pau dereito de Moyá.
O acoso do Celta mantívose ata o descanso, cun último remate de Nolito que saíu lixeiramente alto. Bo xogo, dominio absoluto, pero empate sen goles.
Tras a continuación, o Celta mantivo o seu ímpeto e aos 13 minutos unha xogada frutificou: claro penalti a Nolito e gol do dianteiro celeste. Os celestes fixeran méritos para gozar dunha vantaxe que se resistiu moito, pero que acabou chegando.
E puido chegar o segundo cun gran pase de Nolito cara a Larrivey, quen non puido conectar ben o seu remate a porta baleira. Sergio evitou despois cunha gran parada un tanto branquivermello nun partido que aceleraba o seu ritmo pola necesidade dun rival que até entón se limitou a defender.
Aos 28 minutos, gran xogada en ataque, espectacular, e golazo de Orellana cun enorme lanzamento cruzado. O gran xogo celeste volveu recibir o seu xusto premio. O Celta aguantou ben ata o final e logrou unha merecida, valiosa e meritoria vitoria para sumar o seu terceiro partido sen perder.
FICHA TÉCNICA
2-R.C.Celta: Sergio, Sergi Gómez, Cabral, Fontás, Jonny, Radoja, Augusto, Krohn-Dehli (Álex López, min.89), Orellana (Santi Mina, min.90), Nolito e Larrivey (Pablo Hernández, min.75)
0-Atlético: Moyá, Juanfran, Godín, Miranda, Siqueira, Tiago (Mario Suárez, min.33), Gabi (Jiménez, min.71), Saúl, Torres (Cani, min.46), Griezmann e Mandzukic
Goles: 1-0, min.13: Nolito; 2-0, min.71: Orellana
Árbitro: Martínez Munuera, do comité valencián. Amonestou a Godín, Cani
Campo: Balaídos (22.090 espectadores)