O Atlético foi moi superior na primeira metade e os vigueses arroiárono na segunda (2-1)
O Celta foi superado con claridade polo Atlético na primeira metade, na que Yoel detivo un penalti e os locais marcaron tras un afortunado rexeite. A segunda foi do Celta, que encaixou nunha contra, pero Nolito acurtou distancias e angustiou ao Atlético até o final. Gran segunda metade dos célticos, que mereceron mellor sorte.
O partido arrincou coa intensidade esperada, e co Celta dando cumprida resposta á brutal esixencia do cadro local nesta faceta. Chegadas por banda de ambos os equipos, cun Atlético aceso que empuxaba cunha forza descomunal e que protagonizou o seu primeiro remate, desviado, ao sete minutos. Yoel desviou cunha gran intervención un remate de Turán á contra aos 10 minutos.
Os locais mantiveron a presión, sen permitirlle aos celestes combinar coa máis mínima comodidade, aínda que tampouco creaban ocasións na área de Yoel.
Sen posibilidades de desbordar, ao Atlético chegoulle a mellor ocasión desde o once metros por derriba de David Costas a Filipe. Yoel exhibiuse. Detivo a pena máxima a Diego Costa e o seguinte remate de socato. Impresionante.
Undiano viu despois unha terrible cotenada a Charles de Gabi. Sinalou falta, pero non a acompañou do castigo correspondente. Yoel volveu frear a Diego Costa aos 34 minutos nun man a man no que estivo rápido e decidido.
Os celestes, moi presionados, mantiveron a orde até os minutos finais, con algunha chegada esporádica e moita atención en defensa. Pero aos 41 minutos, un rexeite acabou coa resistencia. O coiro caeu a Filipe, cuxo pase atrás foi empuxado á rede por Diego Costa. Infortunio nesta xogada, xa que o rexeite nun celeste rompeu á zaga. Con esta mínima desvantaxe chegou o descanso.
Tras a continuación, o cadro local mantivo o empuxe físico e o Celta trataba de reaccionar adiantando un tanto a súa liña de presión e logrou realizar algunhas combinacións con sentido. Vila, tras unha falta non sinalada a Rafinha, rematou fóra ante Yoel nunha contra local. Tampouco sancionou unha clara falta de Miranda a Charles cando o ariete buscaba un balón ante Courtois.
O Celta dominaba e estaba envorcado… e noutra contra, Diego Costa superou a Yoel. Foi un balón longo, simple. Xogada illada para un Atlético que nesa fase era claramente superado polos celestes, que encerraran ao Atlético, que sufría unha barbaridade, na súa área.
A insistencia celeste tivo premio cun golazo de Nolito aos 25 minutos. Vaselina espectacular tras un gran recorte na área. O Celta empuxaba con forza e superaba con claridade aos branquivermellos, abocados a defender. Undiano tampouco viu penalti nunha caída de Rafinha na área nin agresión nun lapote moi claro de Godin a Santi Mina.
O Celta mantivo a fe e o empeño até o final, encerrando aos locais, pero non puido lograr un empate que mereceu. Courtiose luciuse no desconto a un gran lanzamento de falta de Nolito.
2-Atlético de Madrid: Courtois, Juanfran, Godín, Miranda, Filipe, Mario Suárez, Gabi (Guilavogui, min.88), Arda (Rodríguez, min.73), Koke, David Villa (Óliver, min.57) e Diego Costa
1-R.C.Celta: Yoel, Hugo Mallo, Costas, Fontàs, Toni, Oubiña, Álex López (Santi Mina, min.57), Rafinha, Augusto (Nolito, min.57), Krohn-Dehli e Charles (Madinda, min.67)
Goles: 1-0, min.42: Diego Costa; 2-0, min.60: Diego Costa; 2-1, min.71: Nolito
Árbitro: Undiano Mallenco. Do comité navarro. Amonestou a Charles, Hugo Mallo, Oubiña, Godín
Campo: Vicente Calderón